AGID. Revista de asistencia, gestión, investigación e docencia en Enfermería, creada por iniciativa da Facultade de Enfermería, é unha publicación en acceso aberto gratuíto que ten como obxectivo principal a difusión da produción científica en enfermería nas catro competencias ás que alude o título. AGID acepta manuscritos en castelán e inglés e conta cun sistema estable de revisión por pares
Procurando, ademais, incentivar, motivar e apoiar o persoal recentemente graudado, AGID acolle tamén proxectos de investigación e investigacións elaboradas en distintos escenarios da formación de pregrao e posgrao oficial, co fin de facilitar a súa difusión e aumentar a proxección de investigadores e profesionais da ciencia enfermeira.
Aínda que principalmente dirixida a profesionais de enfermería, a proposta de manuscritos a AGID non se limita a este colectivo pois está tamén aberta a calquera profesional das ciencias da saúde que poida achegar información valiosa relacionada co ámbito asistencial, xestor, investigador e docente, susceptible de marcar as bases biolóxicas e clínicas da enfermidade así como a súa etioloxía, prevención e tratamento entre outras.
AGID é una revista para o alumnado e profesionais sanitarios de cara a unha mellora continuada na formación e na calidade asistencial.
Ágora. Papeles de Filosofía é unha revista semestral fundada en 1980 e promovida pola Facultade de Filosofía da USC. Acolle traballos orixinais pertencentes a todos os eidos da filosofía.
Ágora conta co selo de calidade da FECYT e aparece indizada en Philosopher's Index, ESCI, ERIH PLUS, FRANCIS, PIO, ISOC, ULRICH, Fonte Académica Premier, TOC Premier, DIALNET, SUMARIS CBUC, REDIB.
O portal dixital de Ágora publícase en galego e español; as linguas de publicación son o galego, español, inglés, portugués, francés, italiano e alemán.
O Boletín Galego de Literatura (BGL) é unha revista literaria semestral editada pola Universidade de Santiago de Compostela dende o ano 1989 e redactada enteiramente en lingua galega. Acolle artigos de crítica e historiografía sobre calquera literatura do mundo e tamén traballos de investigación en Teoría da Literatura, Crítica Literaria, Poética, Retórica, Hermenéutica, Semiótica, etc., é dicir, todo o amplo campo do coñecemento de tan longa tradición como o desenvolvido ao redor do feito literario nun senso amplo.
O BGL aparece indexado en CIRBICR (CSIC), ISOC (CSIC), ULRICH’S PLUS, LATINDEX, MYRIADE, ERIH PLUS, REDIB, REBIUN e DIALNET.
O portal dixital do BGL aparece en galego, español e inglés; as linguas de publicación son galego, castelán, portugués, catalán, francés, italiano, inglés ou alemán, aínda que todos os textos, excepto os portugueses ou os que teñan por destino a sección “Documentos”, aparecerán en galego.
Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil é unha publicación científica de periodicidade anual editada polo Grupo de Investigación LITER21 do Instituto de Ciencias da Educación (ICE)-Universidade de Santiago de Compostela.
Está patrocinada pola Universidade de Santiago de Compostela; a Rede Temática de Investigación “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIXMI); o proxecto “Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil”, que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; e ELOS-Galicia. Asociación de investigación en Literatura Infantil e Xuvenil.
Creouse co obxectivo de fomentar un espazo de debate e reflexión ao redor da Literatura Infantil e Xuvenil, un foro de análise crítica, de difusión da investigación e de visibilización deste sistema literario.
Para cumprir estes obxectivos, a revista presenta catro seccións: Artigos, con traballos de investigación orixinais sobre Literatura Infantil e Xuvenil, focalizados cara á Historiografía, Teoría literaria, análise de obras literarias, Tradución, Educación literaria e calquera aspecto relacionado; Notas, traballos breves e orixinais, de carácter crítico-divulgativo, que aborden aspectos sinalados na sección “Artigos”; Recensións, comentarios críticos e orixinais sobre monografías, estudos, revistas e calquera outro material de carácter científico que se teña publicado nos dous últimos anos sobre a temática que acolle a Revista; e Para saber máis, repositorio de traballos críticos ou monográficos de autoría individual ou colectiva que se consideren de relevancia para o estudo e coñecemento da Literatura Infantil e Xuvenil, así como bibliografías descritas que orienten a investigación sobre este eido e contribúan ao seu avance.
Elos aparece indizada en ERIH+, ESCI e REDIB
As linguas de publicación de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil son o galego, o castelán, o inglés e o portugués. O portal dixital desta Revista pódese consultar en galego, castelán e inglés.
Estudos de Lingüística Galega é unha revista anual fundada en 2009 co obxectivo de crear un espazo de análise crítica e difusión da investigación lingüística e asemade, de debate e intercambio arredor da lingua galega.
De acordo con este dobre obxectivo, a revista incorpora dúas seccións, Pescuda e Anada. En Pescuda publícanse artigos de investigación orixinais sobre lingüística e filoloxía nas súas distintas ramas, ocupando un lugar relevante os estudos focados sobre o galego ou de interese para o galego (traballos do campo da romanística, da lingüística xeral, traballos de corte teórico ou metodolóxico etc), así como os referidos ao portugués nas súas distintas variedades. En Anada publícase tanto un inventario da produción científica relacionada co galego e correspondente ao ano anterior a cada número como recensións críticas orixinais de traballos lingüísticos sobre o galego ou de interese para esta lingua.
Estudos de Lingüística Galega conta co selo de calidade da FECYT e aparece indexada en Scopus, ERIH PLUS, ESCI, CSA Linguistics and Language Behavior Abstracts, Linguistic Bibliography, MLA (Modern Language Association), REDALYC, DOAJ, Open Access Digital Library, ISOC, ULRICH, DIALNET, CiteFactor, Cabell's Directory, REDIB etc. A ANEP (Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva), CARHUS+ 2014 e CIRC (Clasificación integrada de revistas científicas) categorízana como revista A, o Qualis Periodicos do sistema CAPES como A2 e en MIAR ten un ICDS de 9,4.
As linguas do portal web de Estudos de Lingüística Galega son o galego e o inglés; as linguas de publicación son galego, portugués, catalán, español, francés, inglés e italiano.
Innovación Educativa é unha publicación do ámbito da educación, cunha periodicidade anual, fundada en 1991 co obxectivo fundamental de fomentar o debate e estimular a reflexión sobre iniciativas innovadoras de calquera área e nivel educativo, así como propiciar a súa realización e difusión entre os profesionais do ensino, investigadores e investigadoras, estudantado e, en xeral, entre quen se preocupe por cuestións de carácter pedagóxico e didáctico.
Innovación Educativa aparece indexada en ERIH PLUS, IRESIE, ESCI, Fuente Académica Premier, TOC Premier, ISOC, ULRICH, DIALNET, REDIB e está presente no 45,28% das universidades españolas coa titulación (24/53).
No índice RESH, Innovación Educativa sitúase no período 2005-2009 no posto 50 de 202 revistas españolas de educación de maior impacto. O indicador que mide o impacto é a taxa de citación, calculada en función das citas nas principais revistas científicas españolas as citas recibidas en Web of Science.
Innovación Educativa publícase en galego, español, inglés e portugués.
RELAdEI, Revista Latinoamericana de Educación infantil, es una publicación científica que se dirige a un público amplio y con intereses comunes en relación a la infancia: políticos, educadores, investigadores, familias, gestores de servicios públicos o privados dirigidos a los niños pequeños y sus familias. Nuestro deseo es promover el intercambio de ideas y experiencias entre quienes trabajan e investigan en el ámbito de la educación infantil contribuyendo así a crear nuevas sinergias y redes de colaboración científica y profesional en el contexto latinoamericano.
A Revista Galega de Economía é unha revista semestral fundada en 1992 e promovida pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. Publica artigos orixinais relacionados cos campos da economía e o desenvolvemento empresarial de interese para os sectores produtivos e a sociedade. Tamén publica informes seleccionados sobre temáticas de interese especial. Ten unha perspectiva internacional, tanto no obxectivo de difundir a investigación realizada en Galicia como de recibir contribucións de interese xeral de diversas áreas do mundo. O conxunto dos seus interesantes artigos, publicados desde o seu inicio en 1992, é de lectura recomendable para estudantes e estudiosos da economía galega, española, europea e internacional.
A Revista Galega de Economía aparece indexada en SCOPUS, Dialnet, InDICEs do CSIC, en IDEAS-RePEc, REDALYC e EconIS, entre outras. Tamén aparece recollida polas ferramentas de avaliación da calidade editorial como MIAR, DICE ou CIRC.
O portal dixital da Revista Galega de Economía publícase en galego, español e inglés. As linguas de publicación son o galego, español, portugués e inglés.
Télos, Revista Iberoamericana de Estudos Utilitaristas é unha revista semestral fundada en 1992 e coeditada pola Sociedad Iberoamericana de Estudios Utilitaristas (SIEU) e a USC.
Télos cumpre 32 dos 33 criterios de calidade de Latindex e aparece indexada en ERIH, RESH, MIAR, Philosopher´s Index, Repertoire de Louvain, Humanities International Complete, Humanities International Index, RBPH, Ulrich's International, EBSCO Fuente Academica Premier, DICE e ISOC, Dialnet, REDIB.
O portal dixital de Télos publícase en galego, español e inglés; as linguas de publicación son o castelán, portugués e inglés, así como as distintas linguas oficiais da comunidade iberoamericana.
A revista Verba. Anuario Galego de Filoloxía publica anualmente estudos lingüísticos e filolóxicos. Naceu en 1974 coa intención de difundir os estudos filolóxicos realizados en Galicia e coa vocación de lle dedicar unha atención preferente á lingua galega. Desde entón o seu principal campo de estudo é o das linguas románicas, entre as que salientan o español, o galego e mais o portugués. Os seus volumes abordan temas variados que se inscriben en diferentes ámbitos da investigación lingüística e filolóxica: gramática, fonoloxía, léxico, edición de textos, teoría lingüística e pragmática. Cada anuario da revista Verba contén, alén de artigos de investigación inéditos, notas breves sobre cuestións concretas e recensións de libros. Admítese a presentación de traballos nas seguintes linguas: galego, castelán, portugués, catalán, francés, italiano, inglés e alemán.
Ademais do volume anual, a revista edita unha colección de anexos monográficos (78 títulos entre 1974 e 2018). Ata o ano 2010 Verba editouse en versión impresa (ISSN: 0210-377X). Desde 2011 edítase en formato dixital co ISSN 2174-4017.
O portal dixital de Verba publícase en galego, español e inglés.
Verba conta co Selo de calidade da FECYT desde 2014, está incluída en ESCI, e ERIH PLUS, e foi aceptada en SCOPUS, o 21 de marzo de 2017. CIRC catalógaa no grupo B en Ciencias Humanas. MIAR asignoulle en 2017 un ICDS (Índice Composto de Difusión Secundaria) de 10.0.